Os guerrilleiros Bedoya e Juanín.

El Correo Gallego / 22 de abril de 2008.
Os míticos guerrilleiros antifranquistas Juanín e Bedoya resucitan nun libro do escritor cántabro Antonio Brevers, que en só uns meses alcanzou a súa terceira edición con dez mil exemplares vendidos no norte de España.

Juanín y Bedoya, los últimos guerrilleros (Cloux editores) narra a desesperada aposta pola supervivencia de dous míticos resistentes da España de posguerra, nun traballo para o que o seu autor empregou miles de documentos e centos de entrevistas.

Arroupado por amigos e familiares de guerrilleiros e gardas civís que colaboraron no desenvolvemento do libro, Antonio Brevers (Torrelavega, 1960) afirmou onte durante a presentación que con esta obra pretendía "facer historia, recoller testemuños e presentalos de xeito honesto".

Juan Fernández Ayala, "o Juanín", e o seu compañeiro Francisco Bedoya Gutiérrez convertéronse nos anos 50 e 60 en mitos para os nenos cántabros, que xogaban a ser guerrilleiros. Con todo, aínda que a súa historia pareza "de novela de aventuras", como a describe o cineasta Manuel Gutiérrez Aragón -prologuista tamén do ensaio-, o final da parella de guerrilleiros foi tráxico.